Explorar vías de colaboración entre a rede Aqua-Cibus e a rede Inmunogenom. Con este obxectivo celebrouse este martes na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a primeira sesión dun ciclo de conferencias sobre acuicultura e toxinas. Trátase da primeira iniciativa da recentemente creada Aqua-Cibus, liderada polo Cento de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias (Cia3) da Universidade de Vigo e que ten como obxectivo promover unha acuicultura de calidade, competitiva e sostible en Iberoamérica, contando con financiamento do Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo Cyted.
Jesús Simal, catedrático da Universidade de Vigo e responsable da rede Aqua-Cibus, foi o encargado de abrir o acto destacando como o obxectivo desta primeira sesión foi “coñecer as liñas de traballo dunha rede, Inmunogenom, coa que pretendemos interactuar e establecer colaboracións”. Deste xeito, o acto arrancou coa intervención de Paulino Martínez, catedrático do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela, que presentou a rede que coordina, Inmunogenom Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura. Ademais, el foi o encargado de ofrecer unha conferencia sobre estratexias de mellora xenética en acuicultura na busca dunha produción sostible.
Solucións desde a xenética
Paulino Martínez salientou igualmente as oportunidade de colaboración que teñen as redes Aqua-Cibus e Inmunogenom non só no escenario galego senón tamén no internacional. Concretamente sobre a rede que dirixe destacou como foi creada co obxectivo de aproveitar e potenciar “as fortalezas da Universidade de Santiago de Compostela en acuicultura”. Aínda que o seu núcleo forte se centra no eido da patoloxía e a xenética, apuntou como tamén traballa na incorporación doutras posibles fortalezas desa institución académica ou do contexto galego en xeral, como pode ser a nutrición. Segundo explicou, os centros de interese de Inmunogenom céntranse en enfermidades víricas, bacterianas e parasitarias en acuicultura e nas ferramentas para “ofrecer as mellores solucións” desde o eido da xenética ás patoloxías emerxentes que se dan neste sector. Os asistentes á conferencia puideron coñecer as liñas de investigación desta rede, aos grupos que a conforman, a súa evolución e os traballos realizados, entre outras cuestións.
Da mesma Facultade de Veterinaria, Maribel Quiroga, profesora titular do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, falou aos asistentes da anatomía patolóxica veterinaria como unha ferramenta de xestión sanitaria en acuicultura. A docente explicou o papel dos anatomopatólogos na xestión sanitaria en acuicultura, indicando como estes patólogos veterinarios traballan na diagnose das enfermidades dos animais baseándose nos cambios morfolóxicos ou estruturais empregando técnicas como a necropsia, a citoloxía e a histopatoloxía.
Máis programación
O día 31 de xaneiro as xornadas continuarán con outra conferencia. Neste caso, Enrique Orche, que foi catedrático da ETS de Minas da Universidade de Vigo, falará de Parionaccocha, unha piscigranxa a 4500 metros sobre o nivel do mar. Por último, o día 7 de febreiro o ciclo pecharase cunha sesión centrada nas toxinas. Jorge Diogene Fadini, do Institut de Recerca I Technologia Agroalimentaries de Tarragona, abordará a cuestión da detección de toxinas mariñas emerxentes e Beatriz Paz, de Anfaco-Cecopesca, centro tecnolóxico que tamén participa na rede Aqua-Cibus, falará sobre a análise de toxinas mariñas reguladas.